Telephones Rouges, que coma saberedes rematan de editar un 7″ compartido cos barceloneses Piñata, están presentando o seu novo traballo ao vivo, que os levara o vindeiro venres 9 de marzo á Sala Moon de Compostela, na compaña de Ocler Delalün e o 10 de marzo xunto con Wild Balbina na Mondo Club de Vigo, ambos concertos cunha entrada a un prezo de 6€. Asistencia imprescindible!
Para máis info ou escoitar música da banda: http://telephonesrouges.bandcamp.com/

Advertisements

Voltaica, continúan coa xira “Errante” presentando o seu novo EP na Sala Karma de Pontevedra o próximo sábado 3 de Marzo.
Voltaica irrumpe na escena nacional con Errante, o novo EP co que a banda galega establece unha nova dimensión musical dentro do punk máis ruidoso. O xogo de sintetizadores e a rabia de fuzz eríxense como a parte máis crúa do seu son mentres que a base rítmica, contundente e de gran intensidade, da soporte a momentos que van do visceral ó melódico.
Errante reafirma así o enfoque noise do punk-rock que a banda pon sobre o escenario con claros ecos a vertente garage. A potencia e o desgarro emocional dan sentido á atmosfera articulada por este grupo que reaparece como unha das propostas máis interesantes no panorama musical.

Despois da produción deste novo traballo, a banda arranca coa Xira Errante 2011- 2012 para presentar o seu novo EP e impactar co seu directo. Actitude e altas dose de enerxía tradúcense nun son compacto que golpea o
espectador. Forza e emoción invaden, involucran e sorprenden en cada nova cita sobre o escenario.
Nos próximos meses a banda recorrerá toda a península ofrecendo os concertos que serán a antesala do novo disco que gravarán en 2012.
VOLTAICA + SALVATION ARMY
DATA: Sábado 3 de Marzo 2012
LUGAR: Sala Karma (Pontevedra)
HORA: 22:00 horas
PREZO: 6 €
VOLTAICA
DATA: Viernes 30 de Marzo 2012
LUGAR: A Baranda (Barco de Valdeorras)
HORA: 00:00 horas
PREZO: 3 €

Máis info: https://www.facebook.com/voltaicamusic

Entrevista a Ruxe-Ruxe

Publicado: 23/02/2012 en Entrevistas

This slideshow requires JavaScript.

Unha boa nova! Os Ruxe teñen un novo fill@, unha nova colección de cancións e de emocións que compartir con tod@s nos. Non se podía perdela oportunidade de falar con eles para comprobar que hai de novo no seo da banda. Pasen e lean…

1.- Ola! Teño que cambiar a pregunta á vista do voso comunicado, moi contentos coa nova gravación, e cheos de positividade, credes que os temas transmitirán esas sensacións ou hai un pouco de todo?

Coma en todos os traballos do grupo imos ter un pouco de todo. Nestes dous últimos anos vivimos experiencias persoais boas e malas. O disco fala diso: de amor, de amizade, de felicidade, de angustias e decepcións e de vivir no mundo que nos tocou con todas esas cousas malas pero tamén con moitas boas.

2.- Como se titula o novo traballo e cantos temas o conforman? Para cando estará dispoñible?

Pois finalmente xa podemos decir o título do novo disco: “Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras” … Finalmente e despois de varios descartes no local de ensaio o disco estará formado por 17 cortes e o título coido que responde moi ben ás intencións das cancións.

Estará na rúa o 31 de marzo.

3.- Que poderemos atopar no novo traballo, algunha sorpresa sonora, segue a liña do anterior a nivel musical…?

En canto a concepto o disco é moi punk e entendendo sempre o punk como liberdade total de ideas, de estéticas e de estilos á hora de compoñer o traballo. En canto ás sonoridades deixámonos levar polo que o corpo nos pideu e o resultado parece un disco máis crú e escuro que os anteriores. En canto a sorpresas hainas e ademais disas que nos puxeron a pel de pita en canto a colaboracións.

4.-Coa que está caendo a nivel económico e político, crise, paro…pode que todo iso se filtrara a nivel lírico no novo traballo, que me podedes dicir sobre a temática das novas letras?

Nós nas pezas sempre falamos do noso mundo. Da maneira de ver a vida dende a aldea de Aríns e as conexións que creamos co resto do mundo. As nosas vivencias, o amor, a amizade, a vida, a morte, a crise, a política, as inxustizas, os conflictos sociais e toda a realidade que nos rodea sempre está implícita na nosa música.

5.- Este será o voso oitavo traballo discográfico. Como vedes a vosa traxectoria? Estades contentos e con gañas de ir a por outros 15 anos(ou 16)?

Sen ningún tipo de dúbida estamos vivindo un dos mellores momentos da historia do grupo tanto no eido musical como no persoal. A vida dá moitas voltas pero agora mesmo a nosa intención é ir por outros 16 ou polos que fagan falta. Mentres teñamos xente que se achegue á nosa música e nos encha coa súa enerxía e entusiasmo continuaremos a desfrutar desta aventura tan máxica para nós.

6.-Contádeme quen colabora no disco e por que? Pódese falar dalgún xeito dunha gran familia do rock galego?

Pois no disco colaboraron Bocixa Zenzar e Esteban Skacha na peza”rock do país” unha canción que pretende ser a nosa pequena homenaxe a todas as bandas que fixeron, fan e farán música, rock e punk en galego. Nós estámoslles agradecidos e sentímonos en débeda con todas esas formacións que sempre nos deron e dán enerxía para patear o camiño e bourar con forza … e Zenzar e Skacha ademais son dúas das nosas bandas de cabeceira.

Roi Quempallou tocou o acordeón en varias pezas do disco e vaia luxazo poder contar con tremendísimo crack tanto no persoal como no musical ao igual que con Xabier Díaz do que somos fans absolutos e tivemos o privilexio de que nos viñera a meter percusións tradicionais ó disco así como algunha voz aloumiñante de auténtico luxo.

Dios ke te crew ó completo fixéronnos un agasallo que cada vez que o escoitamos xa nos dá para pensar que todo esforzo de todos estos anos valeu a pena. Ademais de ser uns animais de talento sobresaínte son desa xente coa que é un regalo tropezar con eles polos camiños do mundo.

Cando metemos colaboracións nos discos temos que decir que o facemos para mellorar a proposta e facémolos currar a esgalla, non son simplemente colaboracións de figurar nos créditos senón que están aí para poñerlle calidade ó traballo. Estámoslles moi agradecidos a todos e si, musicalmente son a nosa grande familia ademais de moi bos amigos.

7.- Cando será a presentación do disco? Tendes xa datas para presentalo?

31 de marzo na Sala Capitol e acompañados de MEDOMEDÁ, uns irmáns ós que moito aprecio lle temos e que ademais son un grupazo que mete medo, que soan potentísimos e que presta moito velos e escoitalos.

Agardamos xuntar alí naquela noite a un bo feixe de amig@s abaixo do palco para que nos den esos aloumiños que tanto solaz nos dán e que tan ben nos veñen.

8.- Editades o novo traballo con Lobicán Records, é un selo propio? Como vedes o camiño da autoedición con respecto a ter o respaldo dun selo(que saiba o que se fai e o que ten entre máns, claro)?

Lobicán Records é o noso selo. Xa levamos moitos anos sendo os únicos xefes e culpables das nosas produccións e ata o de agora non nos foi mal nese sentido. Continuaremos por ese camiño e cada vez máis convencidos de que atinamos na decisión.

9.- Como vedes a música galega(sobretodo a cantada en galego) actual en comparación con cando comezaches a vosa andadura? Credes que a música en galego ten unha demanda ascendente ou máis ben ao contrario?

Sempre decimos o mesmo: o único que necesita a música galega é que os medios do país lle den espacio e lle presten a atención mínima necesaria para que @s galeg@s nos enteremos do tremendo tesouro musical e cultural que temos.

10.-Como percibides o relativo auxe do vinilo, poderemos ter a curto prazo un vinilo de Ruxe-ruxe entre as mans?

Ó final sempre andamos cos presupostos curtos para facer esa edición en vinilo pero agardamos próximamente facer unha edición en vinilo dun disco noso. Farianos ilusión e sabemos que tería boa acollida. Igual o próximo disco.

11.-Dicídeme algúns dos últimos traballos discográficos(ou bandas) a nivel global que vos impactaran de algún xeito?

No grupo somos cada un de súa nai e de seu pai e para poñernos ós seis de acordo igual tes que tirar de clásicos dos Clash, de Motorhead, dos Pogues … e últimamente no local de ensaio escóitase moito o nome de Foo Fighters.

12.- Brevemente, que pensades de:

-A unión europea: Un gran cristo.

-Un galego na Moncloa: Mariano Rajoy. Si, tamén seica hai un galego na lúa.

-O punk: Liberdade e actitude. O punk mola.

-La Polla Records: Non se pode decir nen máis alto nen máis claro. Non somos nada.

-A música(sobretodo a galega) nos medios de comunicación públicos: Nos públicos non se lle fai caso dabondo e nos privados tampouco o cal é un atentado cultural sen ningún tipo de sentido.

13.- Engadide o que queirades.

Pois darvos as grazas e convidarvos a que pasedes por Aríns un día destos para convidarvos a uns tróspiros e tamén lembrarvos que vos agardamos na Capitol para axudarnos a botarlle uns berros e espantar as pantasmas ruíns do noso carón.

Forza irmáns !!

Máis info: http://www.ruxeruxe.com/

Adianto de Killing Joke e Ministry!

Publicado: 09/02/2012 en Novas

Os imprescindibles Killing Joke, revitalizados coa volta da súa formación primixienia, editaran o vindeiro 2 de abril o seu novo disco  titulado “2012”. Deseguido podedes escoitar “Rapture, o  tema de  adianto que teñen a ben ofrecernos.

Ministry(ou Al Jourgensesn) tamén adiantou un tema do que será o seu novo traballo de volta ao mundo dos vivos, “Relapse”. O tema títulase “99%”, e podedes escoitalo a continuación.O disco editaráse o vindeiro 3 de marzo a trvés de 13th Planet Records.

Os Twin tones visitan Galiza!!

Publicado: 09/02/2012 en Concertos, Novas

  A banda instrumental mexicana de rock-surf-tex-mex-spaghetti western…(xa sabedes por onde vou), moi influenzada pola música de Ennio Morricone, visita Galiza para presentarnos o seu ultimo traballo, Trio de mercenarios.

Tanto se gustades deses estilos coma se non, aconsello acudir ao evento, porque tanto os seus temas propios coma as versións que fan, sobresaen, e moito, no as veces standarizado e mediocre mundo da música surf-rock instrumental e derivados.

As datas, o 10 de febreiro na Playmóvil de Vigo e o sábado  11 de febreiro na Sala Moon de Compostela.
Aquí tendes un reportaxe sobre eles, incluindo unha entrevista.
Máis info: http://www.twintones.com.mx/

-Comezamos con regresos, Os Resentidos, a mítica banda liderada por Antón Reixa(que coma sabedes podería converterse no próximo presidente da SGAE), cumpren 30 anos no 2012 e festexarano cun concerto en Ourense o vindeiro 12 de maio, segundo fixeron público no Twitter. Novedades Carminha e os Sonoro Maxín serán os teloneiros da banda viguesa,  nas instalacións de Expourense.
-Outro regreso moi agardado é o de Os Heredeiros da Crus, que coma sabedes volverán a pisar xuntos un escenario o vindeiro 3 de marzo en Ordes, na discoteca LP45, no ano en que se cumpren vinte anos dende a formación da banda. A continuidade ou non da banda despois deste concerto, e segundo declaracións dos seus integrantes, dependerá da resposta do público, co cal están abertas todas as posibilidades, incluso a gravación dun novo disco. Mentres tanto, o seguro é este concerto na LP45 a partires das 22:00 h. Podedes mercar as entradas en ticketmaster. Máis info: www.volvenosmaisjrandes.com e no Facebook.

-Novas confirmacións para o Azkena rock festival, o festival gasteizarra que este ano estará encabezado por Black Sabbath e Lynyrd Skynyrd, confirma unha listaxe de 13 novas bandas a engadir, entre outras  My morning jacket, Blue Öyster cult, Dropkick Murphy’s, North Mississippi Allstars Duo, Pentagram, Danko Jones…Lembrade que o festival tera lugar os vindeiros 14,15 e 16 de xuño, no Mendizabala de Vitoria- Gasteiz.

-Mastodon rematan de publicar un videoclip do tema “Dry Bone Valley” incluido na súa ultima referencia discográfica, “The hunter”. Desfrutadeo deseguido..

-Este mes de febreiro veñe cargado de concertos, aquí tendes unha lista dalgúns deles, cortesía do blogue galego Malasmusicas, que recomendo que visitedes:
2 de febreiro, xoves:

– The Gift (Teatro Principal, Compostela)

– Snatch (Glasgow, Sanxenxo)

3 de febreiro, venres:

– Silvia Penide (Sala Garufa, A Coruña)

– Smile (Sala Mardi Gras, A Coruña)

– Carlos Chaouen + Cesar de Centi (Le Club, A Coruña)

– Leilía (Teatro Rosalía, A Coruña)

– Warhead + Bulldozer (Sala Filomatic, A Coruña)

– Cats and Monkeys (Club Cachán, Compostela)

– Ellos y las Orgánicas (La Iguana Club, Vigo)

– Polock (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

– Dúo Kie (Sala La Vaca, Ponferrada)

4 de febreiro, sábado:

– Anterga + Mimo (Sala Mardi Gras, A Coruña)

– Le Cûl + Los Santos (Garufa, A Coruña)

– Sidonie (Sala La Vaca, Ponferrada)

6 de febreiro, luns:

– Instrumental… Querido Watson (A Reixa, Compostela)

– Duo Kie + Track Asedio + Bertoh, Senico & DJ.Frasi + As (El Infierno, Vigo)

– Zenttric + DJ Mister Teaser (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

– Kain + To Nowhere + Skydancer (La Iguana Club, Vigo)

– Kambotes (Besto Bravo, Chantada)

– Nhio + Santos Morcegos (Pub Carteles, Ferrol)

7 de febreiro, martes:

– The Fleshtones (Sala Mardi Gras, A Coruña)

8 de febreiro, mércores:

– The Last Vegas (Sala Mardi Gras, A Coruña)

– The Fleshtones (Sala Moon, Compostela)

9 de febreiro, xoves:

– Rivulets (Cachán, Compostela)

– Misfits (Sala Capitol, Compostela)

– B.B. David & The Smokers (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

10 de febreiro, venres:

– Big City + Artista Invitado (Sala Mardi Gras, A Coruña)

– Corizonas (Sala Capitol, Compostela)

– Franc3s + Sector de Agitadas (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

– Fantasmage + Srasrsra (La Iguana Club, Vigo)

– Dakidarría + Skandalo Gz (Sala Nueve Nueve, Ponteareas)

11 de febreiro, sábado:

– Russian Red + Jane Joyd (Centro Cultura Ágora, A Coruña)

– Pülsar + Elvira (Sala Mardi Gras, A Coruña)

– The Buzzos (A Reserva, Carballo)

– The Idan Raichel Project (Auditorio de Galiza, Compostela)

– Machina + Berri Txarrak (Capitol, Compostela)

– Hamlet (Mondo Club, Vigo)

– Eladio y los Seres Queridos (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

– Ñu (Sala La Vaca, Ponferrada)

12 de febreiro, domingo:

– Thin Lizzy (Sala Capitol, Compostela)

15 de febreiro, luns:

– Algodón Egipcio (La Casa de Arriba, Vigo)

16 de febreiro, xoves:

– Tarja (Sala Capitol, Compostela)

– Leilía (Auditorio Gustavo Freire, Lugo)

17 de febreiro, venres:

– Samesugas + The Fuzzbombs (Sala Mardi Gras, A Coruña)

– Nada Surf + Maryland (Sala Capitol, Compostela)

– Telephones Rouges + Disco Las Palmeras! + Colectivo Oruga (Sala Karma, Pontevedra)

– II Air guitar Contest – Bacstage (La Iguana Club, Vigo)

18 de febreiro, sábado:

– Sidonie (Sala Capitol, Compostela)

– Pito de Pikasso + SinArreglo (Sala Moon, Compostela)

– Linda Guilala + When Nalda Became Punk (Playmovil, Vigo)

– Dune + Dr. Bourbon + Xeomantica (La Iguana Club, Vigo)

20 de febrero, luns:

– The Vegabonds (Sala Mardi Gras, A Coruña)

21 de febreiro, martes:

– Sights & Sounds + Constants (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

22 de febreiro, mércores:

– Circio (Teatro Principal, Compostela)

– La Pegatina (Café Cultura Auriense, Ourense)

23 de febreiro, xoves:

– La Pegatina (Sala Capitol, Compostela)

– Bigott (Cafe & Pop Torgal, Ourense)

24 de febreiro, venres:

-Esquíos (Dos de Mayo, Aldán)

– Nach (Ola Green, A Coruña)

– Silvia Penide (Sala Clavicémbalo, Lugo)

– Standstill (Sala Capitol, Compostela)

– La Pegatina (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

– Bigott (Mondo Club, Vigo)

– Saldos Arias + Rocking for Tangas (La Iguana Club, Vigo)

– Kambotes (Pub Osíxeno, Celanova)

25 de febreiro, sábado:

– Bigott (Le Club, A Coruña)

– Kiko Veneno + Iván Ferreiro (Teatro Jofre, Ferrol)

– Tora Tora Tora + Fantasmage + Los Cafres (Sala Karma, Pontevedra)

– Diamond Dogs + Artista Invitado (Sala Capitol, Compostela)

– Silvia Penide (Café La Historia, Vigo)

– Oker + Soldier + 2 bandas locais (La Iguana Club, Vigo)

– Nach (Mondo Club, Vigo)

– Soziedad Alkoholika (Sala La Vaca, Ponferrada)

29 febreiro, mércores:

– Neuman (La Kasona, Pontevedra)

Homenaxe a Fraga….por Micropuntos

Publicado: 17/01/2012 en Novas

Micropuntos era un grupo no que eu tocaba a guitarra alá no Barco de Valdeorras. Facíamos unha versión dun clásico radikal donde os haxa…quen non ten escoitado ese himno antisitema…ese berro contra o poder que foi, é e sempre será…”La abeja Maya”?. O tema figuraba en dúas das nosas gravacións, unha das cales foi editada polo selo madrileño W.C. Records. Está versión é a ultima, gravada no ano 2000 con Arturo Vaquero, coma parte dun feixe de temas(Nuestro futuro, ía chamarse o disco) cos cales acadamos un contrato de edición coa TIPO… que non cumprimos nós por que nos separamos(???!!!).Eran outros tempos. Espero que vos guste…Este é o meu derradeiro homenaxe a Fraga…

Se queredes escoitar o disco, baixadeo de:
http://otoxorabudonetlabel.blogspot.com/2010/02/micropuntos-nuestro-futuro-2000.html
 

 

The Brossas, o grupo de rockanrol  abrasivo de Burela, presentou a súa nova formación o pasado 13 de xaneiro en Navia(Asturies), e fará o propio o vindeiro 20 de  xaneiro en a sala Super 8 do Ferrol na compaña dos Bulldozers.

Non volo perdades!!!

E coa mesma aquí tendes o comunicado que me pasan dende o CSO A Casa da Estación(Pontedeume), no que tamén tocaran The Brossas:

Velaí van as actividades previstas para o aniversario que celebramos
os vindeiros 20 e 21 de xaneiro.

Venres 20 de xaneiro + Bulldozers. Ferrol  Sala Super8

Venres 20 de xaneiro
Tódalas actividades serán abertas e gratuítas.
19:30h: Palestra sobre a represión nos movementos socias e sobre
dereito e okupación (falará o compañeiro Fran del Buey, membro do
colectivo Presos Galiza e okupa na Casa Encantada de Compostela).
22:30h: 1º Campionato de fubolín con agasallo dun lote de cds e libros
para xs gañadorxs.
22:30h en adiante: sesión de pintxa discos.

Sábado 21 de xaneiro
11:30h: Cociñaremos o xantar.
14:30h: Xantador vegán gratuíto.
17:30h: Xuntanza de okupas e radios libres na que intentaremos
reflexionar sobre a actual situación da okupación na Galiza e
diferentes formas de colaborar e organizarse.
22:00h: Concertos:
BITXO BOLA (cantautor punk)
BULLDOZERS (Ferrol, versións heavy metal)
THE BROSSAS (Burela punk rock)
TRAZOS (Coruña punk rock)

Máis info de The Brossas: http://www.myspace.com/thebrosas

This slideshow requires JavaScript.

-Os Pito de Pikasso presentan o seu videoclip sobre o tema “Boura”, incluido no seu segundo e ultimo traballo , “De perrecho a capitán”. Podedes velo ao fondo das novas. O video foi dirixido e realizado por PixelinPhoto. Se queredes saber  máis  sobre a banda, pasádevos poloseu  facebook. Noraboa pitos!!

-Esquíos, o grupo de punkis furiosos e descerebrados dos que  formo parte, estarán o vindeiro 21 de xaneiro presentando o seu novo disco(Agora si!!…) no Badulake de Ordes. A partires das 23:00 e con entrada a 3€(6€ con CD). Se aínda non escoitastes a súa nova obra podes descargala dende O Toxo Rabudo. Se queres máis info da banda pasate por www.esquios.com.

-Voltaica, a banda de punk-noise de Vigo, edita o seu E.P. “Errante”. De cinco temas consta  o E.P. desta interesante banda viguesa, que a mín recordame en algo(e iso é moi bo), aos extintos At the Drive-in(o antecedente de The Mars Volta). Podedes darvos unha volta pola súa web,  aí atoparades máis info sobre a banda e a posibilidade de escoitar o E.P, por exemplo. Estarán presentandoo o vindeiro 22 de xaneiro en Vigo, na Fábrica de Chocolate, a partires das 22:00 da noite.

-Dende o pasado mes de decembro The Phantom Keys, a banda do Grove, ten o seu novo traballo na rúa, “The real sounds of The Phantom Keys”, coma xa adiantei no seu momento. Podes escoitalo íntegro aquí.

-Unha das miñas bandas preferidas das novas que van saíndo na Galiza, Telephones Rouges, editan un split con Piñata a través de Mama Vynila Records, en formato 7″. Catro temas, dous por barba, nos que inciden no seu desquiciado son e na súa particular visión do garaxe máis lisérxico e esquizofrénico. Atención que anuncian o seu primeiro Lp para o segundo semestre deste ano(2012, o ano do fin do mundo). Podes escoitar o split aquí.

-Remátame de chegar o primeiro Lp(dobre) da banda vasca, Arenna, “Beats of Olarizu”. Un discazo de rotundo stoner- rock que recorda nas súa ferintes e graves guitarras aos Kyuss de discos coma “Blues for the red sun” ou “Welcome to sky valley”… pero está banda ten algo máis que ofrecer que os milares de clons da banda desértica. En canto o teña dixerido farei a reseña do disco. Podedes escoitar un par de temas aquí. Aí tamén tendes a info para pillar o dobre LP, nunha edición moi coidada feita polo selo alemán Nasoni-records

-Volven os Heredeiros da Crus? Uns dín que sí, outros que non…a resposta está no ar.

O mundo está fodido e nos con el. Desgraciadamente non podemos abstraernos de todo o que está pasando en contra da nosa vontade, e imos pagar as consecuencias tanto o máis cos verdadeiros culpables(deixando a masa ignorante que os apoia a un lado). Baixo está premisa, probablemente o ultimo que necesitamos e que alguén nos veña recordando o fodido que está todo, pero ostia!!, que é a vida sen un punto masoquista?? Acaso non saes pola noite poñéndote ata as patas sabendo que o día seguinte vas estar feito un “desastriño”?? Non creo que o día seguinte dunha boa festa ninguén diga, “meu deus, por que me doe tanto a testa?? por que todo me da voltas?? por que me sinto coma un despoxo??? Que me esta pasando?? Estou mutando????”. Non! Todos sabemos o que vai pasar, e iso é masoquismo puro e duro. Pois este disco poderíase dicir que ten unha lírica masoquista, ou sexa co de ir de festa escoitando este disco coma que non o vexo, a menos que vaiades de gótic@s e eses rollos.

As letras deste disco son un berro de raiba contra moitos dos males que azoutan á humanidade e a este planeta, e iso nunha banda na que todos andan arredor dos cincuenta anos di moito deles. O de “ para o pouco que me queda no convento, méxome dentro”, non vai con eles.

Neste traballo ademais, xúntanse por primeira vez despois dunha chea de anos, a formación orixinal que gravou os míticos primeiros discos de Killing Joke; como saberedes, Paul Raven(o baixista da banda e tamén de Ministry, Prong ..etc) finou, e a banda reencontrouse no seu funeral e a partires de aí argallouse esta reconciliación(ou reunificación ou reencontro..).

O disco saíu no 2010, a finais, e eu xa o escoitara por riba daquela, pero por mor de determinadas circunstancias, non me fixen co dobre vinilo ata hai un mes, e aí foi onde me mergullei totalmente no disco, lendo as letras, a historia que hai detrás da volta da formación orixinal..etc A presentación e de luxo, dobre carpeta, letras e textos informativos sobre os motivos deste traballo e da volta dos compoñentes orixinais. E ben, diredes?? Que hai da música?

Impresionante. O estado de graza da banda está fora de toda dúbida. As novas composicións son sinxelamente sublimes, indo dende o seu son primixenio(e isto inclúe o dub que facían antes do seu primeiro LP) ata temas mais dance e arranques metal de corte industrial. Temas recomendables serían practicamente todos, pero eu destacaría “Absolute dissent”, “In excelsis” , “Endgame” ou “European super state”(moi boa a letra falando do fracaso da UE en clave tecno-dance), sen desmerecer en absoluto os demais, de feito cada pouco teño novos favoritos dos doce temas que compoñen o disco. As melodías son adictivas, melancólicas, pero ao mesmo tempo con moita forza, coa utilización de retrousos autenticamente himnicos. Ou sexa, vos veredes pero se vos vai a boa música, aquí haia a eito!
Máis info: http://www.killingjoke.com/