Arquivo para a categoría ‘Criticas’

Primeiro traballo longo desta explosiva banda de rock and roll liderada polo afamado Dj, productor e guitarrista, Healer Selecta, o cal comenzou a andaina desta banda case que coma un producto de laboratorio. Pero non vos trabuquedes, coma amosaron as súas recentes presentacións peninsulares, iso non contradice o feito de que liderados pola explosiva vocalista Kay Elizabeth(treme Lisa Kekaula!), The Dustaphonics ao vivo sexan unha banda compenetrada ao máximo, que transmite forza, sentimento e diversión a partes iguais.

En disco a súa música tampouco defrauda, e sona coma ten que sonar o rock and roll, vivo, fresco e directo, sen artificios innecesarios, sen perfeccionismo deshumanizante, senón todo o contrario, coma se fose gravado a mediados dos anos 60.

Abren o disco con “Eat my dustaphonics”, un tema instrumental na mellor tradición surfeira, que lembrarate a Dick Dale, Link Wray e compañía. O seguinte tema, “Burlesque queen”, conta cun extraordinario saxo, falamos dun blues pantanoso, arrastrado, decadente, que tamén conta cunha intrepretación vocal sinxelamente sublime…e así ata sumar catorce temas onde mesturan de xeito moi natural rock, rythm’n’blues, garaxe, surf ou soul. Salientar temas coma “The jinx” ou “Party girls”, que noutras circunstancias( dígamos se o público masivo tivera certo gusto musical, so certo…)estarían copando todalas listaxes de éxitos, tratándose de temas pegadizos e bailables a máis non poder. Adican un tema (“Tura faster pussycat”) á finada Tura Satana, que por certo escribiu a letra de “Burlesque queen”.

Máis info: http://www.myspace.com/thedustaphonics

Advertisements

A que fora declarada a banda máis rápida do mundo (coñecido, claro), pais do grindcore e berce doutras formacións coma Cathedral, Carcass ou Terrorizer, edita o seu novo disco, o décimocuarto dende aquel seminal e primitivo “Scum” do ano 1986. Falo de Napalm Death, a banda extrema por excelencia.

“Utilitarian” é o título escollido para nomear a súa nova colección de granadas sonoras, e trala súa escoita varias cousas quedan meridianamente claras.

En primeiro termo, que non teñen ningunha intención de amansarse nin musical nin letrísticamente, ou sexa, a palabra madurez para eles ten un significado moi diferente ao que adoita ter para a maioría dos mortais.

En segundo lugar, que despois de máis de tres décadas en activo aínda son capaces de amosarse agresivos, viscerais e imaxinativos coma se dunha banda de post-adolescentes estiveramos falando, mantendo a súa capacidade de sorpresa intacta como testemuña a utilización do alporizado saxo de Jon Zorn nun tema como “Everyday pox”, o uso de teclados en “Circumspect” ou as voces limpas da pegadiza “The wolf i bleed”.

Outra sorpresa do disco é a maior variedade vocal utilizada por “Barney” Greenway (dentro dos seus parámetros), e o incremento do apoio vocal a cargo do guitarrista Mitch Harris, o que sumado a unhas excelentes composicións e aos imaxinativos riffs que acompañan á maioría delas, da coma resultas un dos discos máis redondos da banda.

En definitiva, este traballo podería ser unha versión máis visceral e agresiva do seu disco do 1996, Diatribes, un disco no que abrían o seu campo sonoro e incorporaban máis elementos metal, industriais e incluso noise, ao seu primixenio hardcore-punk desbocado (que continuou cunha etapa máis death metaleira).

Se es quen de enfrontarte ao dobre asalto da banda, por un lado o sonoro, e por outra banda o letrístico ataque frontal ao actual sistema capitalista e aos seus centos de contradicións, recoméndoche este disco cos ollos pechados. Nos dicionarios debería incorporarse a expresión “napalm death” como antónimo da palabra conformismo.

Dezaseis temas, máis dous bonus tracks na edición especial, que podedes atopar en diferentes edicións, un CD, Digipack ou en dobre vinilo.

Máis info: http://www.napalmdeath.org/

Novo disco destas bestas pardas de Frisco, novo traballo do seu particular e visionario rock psicodélico e garaxeiro. Temas hipnóticos e melódicos dun xeito as veces incómodo e retorcido pero moi directo. O que ao comezo ían ser dous maxis, remataron conformando coa súa fusión este Lp sorprendentemente homoxéneo e moi aproveitable. As veces maxistral, coma nos máis de cinco minutos de hipnosis repetitiva de “Robber barons”, cumio creativo do Lp ao meu entender, ou nos laios guitarreiros da instrumental “Chem-Farmer”, auténtico mantra sonoro que invita ao abandono e á inmersión na súa hipnótica e percusiva repetición esquemática. Tamén moi salientable “The dream”, o tema máis longo do Lp, veloz, coa voz melódica e infantiloide  de Brigid Dawson(tamén teclista) engadindo o contrapunto sonoro ás  guitarras e ao monótono golpear da batería. A maioría dos temas están cantados polo guitarrista Joh Dwyer, e ademais do compoñente psicodélico imperante, tamén teñen un compoñente punk importante sobre todo en temas como “Crushed grass” ou a inmediata “Opposition” e a súa sinuosa e estimulante liña de baixo. En definitiva a tradición psicodélica dunha cidade berce do movemento coma San Francisco, está completamente a salvo nas máns de Thee Oh Sees. Recomendable se gustas dos sons garaxeiros e psicodélicos, doutro xeito tal vez a súa dixestión sexa difícil para ti. Edita IN THE RED, xa non teño que dicir máis.

Máis info: http://www.theeohsees.com

O mundo está fodido e nos con el. Desgraciadamente non podemos abstraernos de todo o que está pasando en contra da nosa vontade, e imos pagar as consecuencias tanto o máis cos verdadeiros culpables(deixando a masa ignorante que os apoia a un lado). Baixo está premisa, probablemente o ultimo que necesitamos e que alguén nos veña recordando o fodido que está todo, pero ostia!!, que é a vida sen un punto masoquista?? Acaso non saes pola noite poñéndote ata as patas sabendo que o día seguinte vas estar feito un “desastriño”?? Non creo que o día seguinte dunha boa festa ninguén diga, “meu deus, por que me doe tanto a testa?? por que todo me da voltas?? por que me sinto coma un despoxo??? Que me esta pasando?? Estou mutando????”. Non! Todos sabemos o que vai pasar, e iso é masoquismo puro e duro. Pois este disco poderíase dicir que ten unha lírica masoquista, ou sexa co de ir de festa escoitando este disco coma que non o vexo, a menos que vaiades de gótic@s e eses rollos.

As letras deste disco son un berro de raiba contra moitos dos males que azoutan á humanidade e a este planeta, e iso nunha banda na que todos andan arredor dos cincuenta anos di moito deles. O de “ para o pouco que me queda no convento, méxome dentro”, non vai con eles.

Neste traballo ademais, xúntanse por primeira vez despois dunha chea de anos, a formación orixinal que gravou os míticos primeiros discos de Killing Joke; como saberedes, Paul Raven(o baixista da banda e tamén de Ministry, Prong ..etc) finou, e a banda reencontrouse no seu funeral e a partires de aí argallouse esta reconciliación(ou reunificación ou reencontro..).

O disco saíu no 2010, a finais, e eu xa o escoitara por riba daquela, pero por mor de determinadas circunstancias, non me fixen co dobre vinilo ata hai un mes, e aí foi onde me mergullei totalmente no disco, lendo as letras, a historia que hai detrás da volta da formación orixinal..etc A presentación e de luxo, dobre carpeta, letras e textos informativos sobre os motivos deste traballo e da volta dos compoñentes orixinais. E ben, diredes?? Que hai da música?

Impresionante. O estado de graza da banda está fora de toda dúbida. As novas composicións son sinxelamente sublimes, indo dende o seu son primixenio(e isto inclúe o dub que facían antes do seu primeiro LP) ata temas mais dance e arranques metal de corte industrial. Temas recomendables serían practicamente todos, pero eu destacaría “Absolute dissent”, “In excelsis” , “Endgame” ou “European super state”(moi boa a letra falando do fracaso da UE en clave tecno-dance), sen desmerecer en absoluto os demais, de feito cada pouco teño novos favoritos dos doce temas que compoñen o disco. As melodías son adictivas, melancólicas, pero ao mesmo tempo con moita forza, coa utilización de retrousos autenticamente himnicos. Ou sexa, vos veredes pero se vos vai a boa música, aquí haia a eito!
Máis info: http://www.killingjoke.com/

Ata hai pouco tempo coñecía o nome de Cápsula(que non a música) e pouco máis. Foi un artigo sobre eles no Ruta66, hai un par de meses, o que me fixo pararme un intre a escoitala súa música detidamente . O impacto foi inmediato, aos poucos minutos xa estaba en internet tentando mercar os seus dous ultimos discos, en vinilo, por suposto.

Pero, quenes son Cápsula?( pensaredes algúns e algunhas) Pois esa pregunta si que podo respostala, pero non vos acostumedes. Cápsula é un trio de guerrilleiros do rock, un arxentino as voces e a guitarra(Martín Guevara, ese apelido!), unha arxentina ao baixo e tamén voces(Coni Chess),  e un vasco(Ignacio Villarejo,bilbaíno en concreto) pegándolle a batería. Si amigos e amigas, pensaredes que un grupo así ten que ser invencible, nada máis e nada menos que un bilbaíno e dúass persoas de nacionalidade arxentina!!…e neste caso, si son pouco menos que invencibles, polo menos a hora de rexistrar a súa música.

Como ía dicindo, unha vez tiven os vinilos no meu poder, decidín empezar a escoita polo máis recente traballo de Cápsula: In the land of silver souls. Un disco un pouco máis tranquilo que o anterior, máis psicodélico e cunha mellor producción para o  meu gusto. O disco ten un son profundo, intenso, de fonda sensación analóxica, unha marabilla. Eles recoñecen a influenza na súa música de grupos coma Sonic Youth, Stooges, The Cramps, Velvet…etc e a iso poden soar algunhas das súas cancións, pero mantendo a súa persoalidade,  aínda que un tema coma “Let’s run far away”(segunda peza do traballo) recordame fondamente  os Sonic Youth, máis que na música, na similitude da voz de  Coni Duchess coa de Kim Gordon(iso non quita para que estemos falando dun temazo).  Despois doutro bó tema(Town of sorrow), ben o grandísimo “Hit’n’miss”, cañeiro, pegadizo, macarra, moi stooges, e cuns xeniais coros e berros a cargo de Coni. Podería falar de todolos temas un a un, podería encher follas e follas falando da calidade, variedade e profundidade da música,  das letras…pero non o vou facer e só vou destacar algúns temas máis. O psicodélico e envolvente “Communication” é un deles, o crampulento “King of the rain” e outro, o psicodélico “Wild fascination” (que abre o disco)é…pero todo o disco é unha obra moi válida e moi disfrutable: o que se dí un discazo de arriba a abaixo, de rock que apunta en varias direccións, todas acertadas e excitantes(agora máis punk, agora máis garaxe, agora máis noise…).

Agora imos con “Rising Mountains”. Esta edición(os dous últimos discos de Cápsula  están editados por B-Core Disc), non trae as letras, unha magoa. O disco foi escollido mejor disco nacional do 2009 pola revista Ruta 66, iso sempre quere dicir algo, aínda que as veces non vaia cos nosos gustos(ou si).

Un disco que se abre cun tema coma “Sun shaking”, é un disco que comeza con moi bó pé. O son do traballo é contundente e afilado, máis frío co do seu ultimo traballo, e menos logrado para o meu gusto, pero aínda así moi disfrutable. Unha canción sinuosa, cun ritmo tribal que estoupa no retrouso e cun xogo de voces moi axeitado. Ao igual co ultimo disco estamos antes un disco variado(máis variado co ultimo aínda), con temas que tanto poden soar a The Cramps (Wild C) que a unha especie de Garbage (Girl! Whip up the sound), ao Tom Waits experimental facendo unha sorte de blues desértico(The sea cave) que engancharte instantaneamente cun tema enerxético e pegadizo coma “Original is dead”, soar acústicos en “Fighting with tigers” ou acelerarse e sonar punks en “Flood” ou “The Damage is done”. Pecha o disco o único tema en castelán de ambolos dous discos, “Mejor no hablar de ciertas cosas”, tema hipnótico e enérxico, un gran tema para pechar un gran disco. A diferenza entre os dous discos é  que quizais este sexa un pouco menos psicodélico e máis agresivo e directo que o seu ultimo traballo, tema de son aparte; en todo caso estamos falando de dous grandísimos discos, dunha grandísisma  banda que sabe aunar as súas influenzas dunha maneira exemplar, recordando a grandes bandas pero sen caer no plaxio nin na copia. Polo que din, xa que ata o momento non tiven a oportunidade de disfrutalo, o seu directo é apoteósico, e tablas non lle faltan, xa que teñen xirado por Europa, USA(en breve volverán estar de xira por alá)… Mención especial as datas que teñen na península xunto con Sex Museum: afortunados os que poidan disfrutar ese dobre cartel!!


Máis info en:

http://www.capsula.org/

Xa podedes descargar dende aquí o primeiro traballo longo de A Terbutalina, de título “Broncodilatador”. Quince divertidos temas de música sinxela e directa, temas curtos (de media en minuto e medio liquidan o tema),  sen complicacións e sen contraindicacións. Moitos dos temas xa estaban no seu  directo(Live in Catoira), e aquí presentan a correspondente versión de estudo de temas coma “Cartos”, “Canto moderno” ou “R.A.J.O.Y.”, perdendo un pouco de forza con respecto as anteriores versións, pero soando moi ben, cun agradable son garaxeiro, con pouca distorsión e moita inmediatez.

Todos os temas seguen unha onda similar, destacando ao meu parecer a psicodélica “Peneira”(a mellor para min ), ou temas máis directos coma “Espija” ou  “Cura de la hostia”. En todo caso se sodes seguidores de grupos coma os primeiros Siniestro Total ou mesmo Novedades Carminha, non dubidedes en botarlle a orella a esta banda, e senón é o caso, probade igualmente, igual vos levades unha sorpresa.
Máis info:
http://terbutalina.blogaliza.org
 

THE BROSAS, NOVA GRAVACIÓN

Publicado: 15/09/2011 en Criticas

Amigos e amigas, alabade ao señor (non ao home invisible, refírome ao que levou os mandos da gravación de The Brosas), aquí temos a banda metendo caña coma sempre e soando mellor ca nunca, cortesía duns famosos estudos coruñeses(si, os Bonham). Sete coiteladas sonoras, que comezan enganosamente cuns acordes bluesrockeiros que nos recordan fondamente os ac/dc dos setenta, os de Bon. A cousa rápidamente cambia de tercio e comeza a carnicería con Rhett Butler, rocanrol apresurado, acelerado, cun riff na onda do de “ace of spades” pero posto de speed ata as cellas(o que ben sendo un “motorhead”).  Continua a matanza co xa coñecido “O home en marte”, seguimos a recibir ostias a embute  sen ver nin de onde veñen, temazo.

O terceiro tema, segue na mesma onda cos anteriores, mais hardcoreta quizais, comezando cun caralludo berro gutural que me encanta e lembrame os que facía habitualmente Tom G. Warrior nos primeiros discos de Celtic Frost. Dame máis.

Seguimos con “Monseñor”, un tema mais rockeiro, cun ritmo máis lento, pero moi  pegadizo. Sinalar que a letra é totalmente anticlerical, dobre gusto oiga.

Quinto tema, tremendo riff, velocidade media, seguemos navegando a morte(que dicía Rosendo), o tema mais longo do traballo, pasando dos tres minutos e medio, cuns cambios moi ben postos e un solo coma todos os do traballo que demostra que  o bó gusto e o “savoir faire” sempre estaran por riba da velocidade e a dixitación supersónica. “O verme” recupera a alta velocidade dos primeiros temas, e ten un retrouso moi quedón. Finaliza o traballo cun dos meus favoritos, “Borderline”. Pedazo de riff que ten este tema, encantame o traballo vocal. Outro temazo…e van..

Rematou a gravación, repeat. Resaltar o gran traballo de batería, e o compacto da sección rítmica. O traballo teñen intención de editalo nun vinilo compartido cos Bulldozers, anque aínda non teñen data de edición. A mala nova, o vocalista xa non forma parte da banda, aínda que en breve tera sustituto.
Máis info:
http://www.myspace.com/thebrosas
Unha review con interesante info audiovisual:
http://capitainpoon.blogspot.com/2011/09/brosas.html

Achégase a fin do verán e moitos de nós afrontamos o retorno a actividade diaria, ao traballo, á rutina en definitiva. Isto, a priori algo desmoralizante, pode combaterse dalgúns xeitos, coma por exemplo escoitando determinados artefactos sonoros, discos que nos dean un empurrón extra que nos revitalice e nos axude a enfrontar a triste realidade. Vou recomendarvos dous discos que para min entran de cheo na categoría anterior, gravados por bandas que teñen en común o seu amor polo rock and roll clásico en maior ou menor medida. Por un lado temos o novo traballo de Barrence Whitfield & The Savages, titulado “Savages kings”e editado pola imprescindible Munster Records. Despois de editar tres traballos, o ultimo deles hai máís de quince anos, volta Barrence co corazón dos Savages orixinais(Peter Greenberg tamén guitarra dos Lyres entre outras bandas, Phil Lenker…), e voltan facendo o que mellor saben facer: rock and roll, pero do de verdade, do primixenio que facían Little Richard e compañía. Música festiva e bailonga, chea de soul e de enerxía, cos berros de Barrence sobresaíndo e dando personalidade e empaque o conxunto. Un discazo imprescindible, composto de versións e temas propios que contén pepinazos coma “Willie Meehan” ou a desgarradora versión de “Ramblin’ rose”(MC5), tamén momentos para poñerse tenro coma en “Hold me close” ou “Bad girl”, e todo soando con moito sentimento, con moita forza: rock and roll, rockabilly, soul, blues…. Aqueles que coñezades os grandísimos The A-bones, saberedes un pouco por onde transita a música desta incendiaria banda. Por riba temos a sorte de poder desfrutalos ao vivo en Galiza o vindeiro 16 de setembro en Carballo, dentro do XIV XIRIAPOP FESTIVAL na Sala Dublín, na compaña de Las Ruedas, Soul Gestapo e The Flamin’ Guays, a partires das 22:00 h. da noite. Mais info sobre a banda en http://www.barrencewhitfield.com/

Por outra banda, e despois duns anos de silencio discográfico e de sequía a nivel de directo, voltan os inmensos Bummer cun E.P. de catro cancións, catro versións en concreto, de xente coma Roky Erickson (por partida doble), The Smithereens e Gun Club. Todas elas absolutamente fantásticas. O traballo sae baixo o título de “Covers E.P.” e podedes mercarlo, por exemplo en http://ghosthighwayrecordings.blogspot.com/2011/06/bummer-7-covers-ep.html

A gravación destes temas ten uns anos, xa que foron gravados entre o 2002 e o 2004, pero a banda editao agora por medio de Ghost High Recordings en formato 7”, cun deseño chamativo e orixinal a cargo de Mik Baro. Os que teñades nun altar discos coma “Vintage rock” ou “That’s the way is it” dos malasañeros, saberedes da pedazo de banda que estamos a falar e da súa calidade intrínseca a todolos niveis, tendo os seus compoñentes unha sólida traxectoria dentro do rock máis underground(por desgraza) peninsular. Agardemos ter a sorte de poder velos ao vivo, xa que están facendo algúns concertos e eu, que vivín a experiencia Bummer ao vivo en dúas ocasións, certifico que sempre é unha moi boa idea acudir a chamada dunha banda destas características.

 

A historia deste banda(nada que ver coa posterior banda de death metal), é unha historia de gañadores e perdedores, daqueles que chegaron sen merecelo tanto coma outros que nin chegaron, ou nin tan sequera tiveron a oportunidade de facelo. Afortunadamente esta historia ten un final feliz, polo menos no tocante a nós, o público obxectivo deste marabilloso disco. O disco foi editado no ano 2009 por Drag City Records, aínda que foi gravado no 1974 por tres irmáns oriúndos de Detroit.

Recentemente puiden por fin facerme coa edición en vinilo, para poder desfrutalo en todo o seu esplendor, despois de atopalo casualmente hai case un ano na rede, e quedar fondamente sorprendido coa súa escoita. Por elo, e no convencemento que non está a ter a atención que debería, fálovos dun disco que puido ser unha influenza básica en moitas bandas posteriores, un disco adiantado ao seu tempo, un disco no que podemos escoitar hardcore e punk-rock antes da súa existencia oficial, unha banda que me recorda a Bad Brains e non só por estar formada só por músicos de cor.

Sete temas conforman esta gravación, comezando coa impresionante “Keep on knocking”, himnica, melodía guitarreira sensacional, velocidade, soando a Ramones antes dos Ramones, letra contestataria, influenzas hard-blues nos solos sobretodo, punk-rock antes do punk-rock, unha marabilla; seguindo pola doce e tranquila, con arroutadas proto-punk, “Let the world turn”, onde podes percibir as influenzas psicodélicas(lémbrome de The Pink Fairies neste tema) que tamén ten a banda, ata rematar con “Politicians in my eyes” con velocidade, coma un blues-rock desbocado. Entre medias temas coma “Freakin out”, veloz, inmediato, puro punk-rock. En definitiva sete grandes temas, unha mestura de proto-punk, psicodelia, hardcore, blues e punk-rock, algo así como se Bad Brains, The Ramones, Jimi Hendrix e The Pink Fairies foran fusionados nunha única banda.

Imprescindible! Incalculables os efectos para a música posterior se este disco houbérase editado no seu momento por Columbia, a compañía que decidiu gardalo no baúl. A banda reuniuse a raíz desta edición para facer concertos, no seguinte vídeo podedes comprobar o seu estado de forma.

Sex Museum – Again & again

Publicado: 22/04/2011 en Criticas

Novo disco da banda madrileña despois duns anos de silencio discográfico totalmente xustificado tendo en conta a calidade da súa nova gravación: para min o seu mellor disco dende hai moito tempo. Todo neste disco é ideal. Un son de luxo, cálido e rockeiro, co hammond de Marta mais arriba na mezcla, o cal considero un acerto. Teño que dicir que eu teño a versión limitada en vinilo branco, onde a orde é diferente que a correspondente edición en CD. Unha portada fermosa e evocadora. Comeza o Lp cun tema hipnótico, psicodélico e un dos meus favoritos, “Again & again” ou coma voar escoitando música.  Continua “”Some other bar” un medio-tempo moi logrado, gran solo de guitarra e son vintage de categoría. O terceiro tema é un impresionante e rockeiro tema cun magnifico riff de guitarra e que de seguro  sera indispensable nos seus directos: “Seven days”, sublimes os teclados. “Let me go home” é tamen un gran tema con gran protagonismo de Marta as teclas. Co seguinte tema, “Save your soul”, dannos unha boa dose de garaxe-punk e nos encantados. A cara A pechase con “Keep running” un medio-tempo suave e melancólico cunha moi fermosa melodía vocal. A cara B abrese con “I’m falling down”(o tema que abre a edición cd), un bo tema, rockeiro e logrado, a segunda parte incríble, antolóxico o solo de guitarra final. “Can you stand my love”, outro temazo pegadizo, garaxeiro e rockeiro, e novamente estupendo solo de guitarra. “Masterplan”, seguemos co rock pegadizo cun toque pop no retrouso. “Go go rocker”, palabras maiores, rock de alto standing, axeonllense senores e señoras. E remata o disco cun tema de case dez minutos, unha épica mostra de talento compositivo, riff de guitarra inmenso, hammond estratósferico,  psicodelia, hipnotismo: chegamos ao nirvana. Im-presionante disco!!

Mais info:http://www.sexmuseumrock.com/