ENTREVISTA A TERBUTALINA

Publicado: 16/10/2011 en Entrevistas

“Somos a Terbutalina. Facemos gastropunk. O punk morreu e comémolo nós.”

A Terbutalina dixit.

“Broncodilatador” é o título do primeiro traballo en estudio destes catro enfermos(asmáticos) que responden ao nome da Terbutalina, e que a xulgar polas súas palabras gozan de bó apetito e mellor estómago(segundo a  miña avoa elementos imprecindibles en todo home que se precie de selo, xa sabedes rapazas).  Pode unha banda que ousa rachar cos máis básicos principios do puncanrol (ese sustituiren as sacrosantas drogas polo barrantes, anatema!! herexía!!) ter algo coherente que dicir? A resposta está no aire e no par de cobre(o cableado) por onde viaxan estes humildes bits,  seguide lendo, sen medo que é gratis.
P.- Contádeme un pouco a historia do grupo, compoñentes e tal.

Todo comezou cando un venres nos chama Brais, que xa tocaba en John Happy Driver, para que nos pasemos pola súa casa a cear. Ao final resulta que nos quería liar para montar un grupo e acabamos pasando a fin de semana enteira tocando e compoñendo os temas que máis tarde farían parte do “Broncodilatador”. Unha fin de semana produtiva de punk e chourizos criollos e agora xa vai para un ano tocando xuntos.

Somos Miguel, cantante e voz principal; Mon, guitarrista e voz principal cando Miguel está afónico; Brais, batería e voz principal cando os outros dous están afónicos; e eu Samuel, baixista e voz de Galicia.

P.- A Terbutalina, “Broncodilatador”. Por qué ese nome e por que ese título? E non veñades con por que non…

A terbutalina é un principio activo empregado para tratar o asma e, como se dá a casualidade de que os catro somos asmáticos, pois foi ben sinxelo escoller o nome do grupo. O nome do disco caeu polo seu propio peso, porque é a acción fisiolóxica desta substancia. O noso próximo traballo será un grandes éxitos titulado “Shock anafiláctico” ou “Show me your tits”, no que afondaremos na liña pulmonar trazada desde o comezo.

P.-Tendes un obxectivo definido coma grupo, tanto a nivel ideolóxico coma musical máis alá de “mollar o palote” e andar de festa?

O noso obxectivo é sinxelo: queremos comer de clocló. Se facemos unha xira é para ir probando como fan de comer por Galicia adiante. A música é algo secundario.

P.-Que grupos vos inflúen e vos empuxaron a formar a “banda”?

John Happy Driver (50%), Sepultura (25%), Cañita Brava (15%) e Ramoncín (10%). Se o sumas dá 100%. Temos estudos.

P.-Como vedes o panorama de musica na Galiza, e sobre todo de musica feita en galego?

Estamos no mellor momento da historia da música en galego. Quen negue isto non ten nin idea. Iso si, estamos no mesmo punto de toda a vida no que refire ao público.

Para os galegos a música feita aquí é estrume. Isto non só se ve en que a xente do común non coñece os grupos actuais, independentemente do estilo, senón que tamén se percibe no tratamento cara ás bandas por parte dos medios, dos xestores culturais e da xente das salas, pubs, etc. A xente é unha papahostias e pode pagar 20 euros por ver unha banda de merda que veña de Finlandia, por exemplo, e despois non é capaz de ver os grupazos que hai por aquí.

Nós non escoitamos grupos de aquí que canten noutros idiomas, agás a Metralletas Lecheras ou os Telephone Rouges, que poden cantar no que lles saia dos collóns e continuarán sendo a polla.

P.-Contádeme quen vai sacar o voso vinilo e a historia que hai detrás.

Sacarémolo coa xente de ContraSurco unha vez que superen unha serie de problemas de herdanzas, testamentos, fincas, etc.

P.- Onde foi gravado o disco? Foi gravado por pistas , todos xuntos e por que?

Gravámolo en L.A., nos Manelson Studios. Chamáronnos para gravar un par de temas para unha curtametraxe educativa sobre os efectos do tabaco, mais por un problema cos billetes de volta, tivemos a posibilidade de pasar algo máis de tempo alí e gravar os quince temas do disco. Gravamos por pistas porque non colliamos todos xuntos naquel galpón. No próximo traballo agardamos poder gravar todos á vez para non ter que pasar por ese puto coñazo que supón o momento de ver gravar os solos, as voces do cantante e todo iso.

P.- Sodes fans do vinilo? Que vos parece o rexurdir do formato?

Nós nos sacamos nin sacaremos ningún disco en formato cd. Para iso xa o subimos á rede e que cadaquén o descargue e, se quere, que se faga o cd co Nero. De todos os xeitos, o de gravar só é un modo de presentación; a música tense que dixerir ao vivo.

P.- Cal é o tema do traballo do que estades máis fachendosos e por que?

Gustounos como quedaron especialmente os temas “Juapo” e “Peneira”. Penso que gañaron con algúns dos arranxos que lles fixemos e tamén co rendemento que lles sacou Victor Manelson, o técnico de son encargado da gravación, un austríaco moi simpático.

P.- Coma facedes os temas e as letras, entre todos, individualmente…?

Brais, que é o batería, compón a melodía básica das cancións, que é o que vai tocar Miguel. Miguel compón as liñas de baixo. Eu, que son o baixista, escribo os solos e, finalmente Mon, dille a Brais como ten que facer coa batería.

Para as letras seguimos un algoritmo no que entran en xogos tres factores: a actualidade mediática dos meses con erre (xaneiro, febreiro…), a cantidade media de bistés que come unha universitaria galega media e número de exaculacións retroactivas da cúpula dirixente de Bildu.

P.- Queredes tanto a Rajoy e o seu partido coma para adicarlle unha canción, supoño estaredes moi contentos polo futuro goberno estatal co voso querido Rajoy o mando, non?

A xente non valora a Mariano como se debería e como se merece. É o exemplo daquilo ao que todo galego de ben debería aspirar. Mariano é unha persoa que superou momentos moi duros ao longo da súa carreira política, persoal, etc. É un exemplo de esforzo, traballo e de mala pronuncia dos eses. Cando por fin estea ao mando do Estado español e saia do armario, todo collerá a dirección correcta e poderemos ver como crece de xeito exponencial o negocio para os logopedas.

P.- Que opinades do seguinte:

-Movemento 15-M: Boa xente.

-The Sonics: Inda lles debemos unhas pelas en dereitos por roubarlles liñas de baixo…

-Novedades Carminha: Un bo grupo para escoitaren os modernos do panorama español. Nós somos máis d’O Caimán do Río Tea.

-BNG: Nos seus últimos discos volvéronse moi comerciais.

-As drogas: Só consumimos terbutalina e barrantes.

-Lemmy (e por extensión Motörhead): Motörhead son á música o que Hitler ao fútbol sala.

-Os cartos: Queimariamos todos os bancos con toda a xente que houbese dentro.

-Sonido Alfredo: Nunca os escoitamos, pero apuntámolos.

-A iglesia católica… (os curas) e as outras: Mólanos a popularidade que ten entre certos sectores tardofascistas da xuventude. É algo que, realmente, anima bastante o rito do sexo ocasional, por iso das trabas que poñen estas novas xeracións filocatólicas para algunhas cousas e o animados que están para outras.

P.- De que falades nun tema coma “Peneira”? Esa canción ten un aire psicodélico na melodía que me encanta. Gústavos a psicodelia? (13Th Floor elevators, Electric prunes, 1º De Pink Floyd, Sun Dial…)

Mólanos a psicodelia con raíz autóctona. Os hippies flipaban co LSD e nós flipamos cos mexillóns que teñen toxina. Por iso toda esa prosmada de hippies dos sesenta agora están ou mortos ou son uns putos yupis empresarios e nós só faremos cola no Sergas, que é moito máis digno.

A letra desta canción fai parte dun conxuro que se emprega polas meigas de Muros para quitar o “aire”, unha especie de mal de ollo. No rito que levan a cabo para quitarlle o “aire” á xente din os versos que nos musicamos nesta canción e, se realmente tes o “aire”, unha peneira vira sobre a punta dunha tesoira. É para ver. O certo é que desde que fixemos esta canción as cousas vannos de puta pena, polo que pensamos que temos unha especie de maldición enriba por andar enredando con cousas do demo.

P.- Se acudides habitualmente a concertos, recomendádeme algúns grupos que vos impactasen recentemente ao vivo?

Así a bote pronto… Faamilia Caamagno, John Happy Driver, Deseqilibrio Mental, Ataque Escampe, Samesugas…

P.- Algún grupo(s) que poidades recomendar? Se mercades discos regularmente(ou os descargades, ou o que sexa), recomendádeme algún(s)?

Imos recomendar o grupo que escoitamos nas nosas viaxes cando imos tocar polo país adiante: Ciclos Iturgaiz. Grupazo con letras brutais.

P.- Facedes versións nos vosos concertos e de ser así, cales?

Non facemos versións. Iso é de perdedores.

P.- Próximos proxectos, concertos…despedida e peche.

Un grupo de homenaxe a nós mesmos nos que tocaremos todos os nosos temas a ritmo de cumbia e que se chamará TerbuLATINA. Vivaspañajosdeputa!

O vindeiro venres 21 de outubro a banda toca na compaña de JHD na Esmorga en Ourense, con entrada de balde.
Máis info en http://terbutalina.blogaliza.org/
Descarga a súa música en http://terbutalina.bandcamp.com/

comentarios
  1. Maruxiña89 di:

    Grandísimos os rapaces de Terbutalina!! Bicos dende Belxica!

  2. […] Podedes ler a entrevista que nos fixeron a xente de Rockisome NESTA LIJASÓN. […]

Deixa unha resposta a Maruxiña89 Cancelar a resposta