TODO LISTO PARA A DERRADEIRA EDICIÓN DO COMPOSTELÁN FESTIVAL ROCK EN COSTA‏

Publicado: 05/06/2011 en Concertos, Novas

Santiago de Compostela, 03-06-2011. Despois de dez edicións, o ROCK EN COSTA despídese neste 2011 cun cartel cen por cento compostelán. Todo está xa preparado para o concerto, no que as bandas SAMESUGAS, ROYALTIES, L’UOMO DI GOMMA, THE HOMENS e REDULLOS (que se reúnen tras cinco anos e só para esta data), todas elas vencelladas ao festival e á organizadora Asociación Xurásica, serán as encargadas de poñer música á baixada de telón desta cita anual co mellor rock de Galicia e Portugal. O ROCK EN COSTA 2011 intégrase, ademais, dentro do programa de FESTAS POPULARES COMPOSTELA 2011, unha alternativa popular ás festas institucionais organizada por diversos colectivos de Santiago.

O festival ROCK EN COSTA naceu a principios de século como extensión da actividade da Casa Xurásica, o local de ensaio polo que pasaron boa parte dos grupos de rock composteláns dos últimos tempos, de Fame Neghra aos Fulsomes ou os Redullos, pasando por Samesugas, Por Teléfono, Street Fighter ou Pollegros. Nas súas dez edicións, o festival destacou polo seu compromiso cos barrios como motores culturais das cidades e pola aproximación entre as músicas de Galicia e Portugal.

Cinco grupos vencellados á Xurásica
Nesta derradeira edición serán os grupos vencellados á Asociación Xurásica os que dean a despedida á cita. SAMESUGAS, cun novo disco a punto de ser editado, porán de novo sobre as táboas un dos directos máis contundentes do país; o seu punk rock suoroso suma agora máis melodía sen perder intensidade nin vatios.

Tamén apostan pola vertente máis intensa do rock os ROYALTIES. A banda máis escandinava de Compostela leva uns meses presentando o seu terceiro disco, Sen volta atrás, agora con formación reforzada por un guitarrista máis e por ventos.

L’UOMO DI GOMMA son, pola súa banda, a última banda en chegar ao universo da Xurásica, aínda que os seus compoñentes son veteranos da escena, con experiencia en grupos como The Homens, Fulsomes ou Samesugas. Practican un punk experimental e atronador, plasmado polo momento no EP Tea party (2010).

Mais info:  http://www.myspace.com/rockencostafestival

Deixar un comentario