Entrevistamos Os Ulträqäns

Publicado: 01/03/2011 en Entrevistas

Na Galiza sen ánimo de ofender a ninguén,  cando falamos de orixinalidade na música,  case a collóns temos que falar desta banda de vellos foraxidos curtidos en centos de batallas(non so musicais, canto mal fixo o alcol nesta xuventude) en diferentes bandas; bandas que non vou nomear,  e se non sabedes cales son, buscade un pouco, preocuparvos de saber que non o vou facer eu todo. Co galo da gravación do seu novo traballo, puxenme en contacto con eles por medio do correo electrónico, non por que tivera medo de atoparme con eles en persoa, senón por que coma dí miña avoa: “nunca se sabe”. Bueno, deixome de lerias e  quedades co críptico mensaxe que agachan as verbas(e a música) dos Ulträqäns, deixovos cos máis qäns entre os máis qäns, cunha banda chea de talento instrumental e que conta co baixista con máis técnica e menos pelo da Galiza, quedades cos pais do psicofolq!!

P.- En primeiro lugar e para quen non vos coñeza quen formades Ultraqäns? Contade un pouco a vosa historia e miragres.

Ulträqäns ante todo somos un grupo hospitalario. Quero dicer. Feito nun hospital. Os ligamentos anteriores cruzados do xeonllo dereito do Antón teñen a culpa de todo. Foron esnaquizados diante do palco da orquestra “Costa Oeste” nas festas das San Lucas de Mondoñedo. Despois da operación e na pertinente baixa laboral, decidiu mercar un contrabaixo eléctrico fabricado na China comunista. Despois atopou a Aarón, que tocaba a frauta cunha man reconstruida despois de ficar tronzada en mil anacos nun accidente de tránsito precisamente na porta do mesmo hospital. E como moito non tiñan que facer, gastaron o tempo en chamar aos colegas e montar a banda.

Penso que deberiamos estar patrocinados por unha ortopédia ou algo así.

P.- Cal é a intención ó montar a banda? Que queredes transmitir coa vosa música?

A intención é ben clara, practicar sesións de rehabilitación, terápia ocupacional, desenvolvimento das articulacións, sincronización de movimentos, etc.

Coa nosa música só queremos transmitir unha mensaxe paz, amor e esperanza para os tolleitos.

P.- Hai xente que vai de duro, outros van de jebis, e vos ides de ser “moi qäns”, por que sodes tan “qans”? Tendes moi bó olfato, mordedes moito, tendes malas pulgas ou é máis ben no sentido peiorativo do termo? Por que ese nome?

O can é evidentemente un animal superior. Lambe as feridas e cúra-as. Que lle pregunten a San Roque. Ademais, é quen de levar un pequeno barrilete pendurado do pescozo repleto de brandi, licor café e menciñas diversas. Ademais, cando estamos maliños (non sei porque) levamos un colar de plástico ao redor do pescozo en forma de funil, supoño que para que non nos manquemos ou algo así.

Polo demais, podes andar a catro patas en pelotas, defecar e fornicar na rua con total naturalidade diante das forzas de orde pública.

P.- Simplificando moito e rendindonos as etiquetas, que vos considerades, uns punkis tocando folk, ou uns folkis tocando punk?

Eu penso que a contestación á pregunta é…. mmm…. mmmm ……mmmmm…. WOUF!! WOUF!!!

Hai algo mais punki que unha foliada gaiteira brava a altas horas despois de 7 garrafas de LK?

P.-Que novidades poderemos escoitar no voso novo traballo? Que nos podedes contar del? Quen o vai editar?

A verdade é que somos un grupo en constante terápia metamórfica. O que escomenzou sendo unha história para tocar nos festivais veraniegos do ano 2008, cunhas versións do folclore tradicional balcánico e “celta” aceleradas e con arranxos moi simples, fumos de vagar pero sen pausar, evoluindo. Primeiro escomenzamos con temas cantados. A día de hoxe case a metade do repertório é cantado. Despois fichamos a Tomás co acordeón, e ese reforzo propulsounos logaritmicamente cara o planeta onde fabrican a caña de herbas e o paroxismo.

Tras 3 anos de tocar nun sitio e noutro, chegamos ao noso primeiro disco “Ulträqäns” (con diérese!!), no que recollemos as nosas paranoias e as nosas teimas. Por certo, penso que chegamos a un son que é inclasificável, unha espécie de folk-punk-progresivo, un chisco herdeiro do que faciamos hai 10 anos cos xa vellos Papaqueixos.

Por certo, editamos o disco nós mesmos. Neste país e neste tempos só nos queda o “fai-no ti mesmo”!!. Todo en Creative Commons e Copyleft, por suposto. E con 0 euros (que no troco son 0 pesetas, 0 escudos e 0 sextércios) de subvención.

Recomendo á grande masa a sua compra compulsiva!!

P.- Por que música instrumental, por pureza musical, preguiza a hora de facer as letras ou por que sodes conscientes de que cantades rematadamente mal?(tamén pode ser por outro motivo)

Ha, ha!! Cantamos que te cagas (literalmente). En princípio decidimos facer música instrumental porque éramos uns fodidos talibáns. A música instrumental hai que reivindicala: Mozart facia música intrumental, o gaiteiro de Soutelo facia música intrumental, Ennio Morriconne facia música intrumental, os grandes Pekenikes tamén… Agora seguimos sendo talibáns pero disimulámolo un chisco…

P.- Estades influenzados nalgunha medida polo rock progresivo e de ser así decideme alguns nomes desas bandas ou músicos?

Non só progresivo. As influéncias claras da música dos Ulträqäns seguen esta receita.

Cóllase unha pota exprés, e nela, introducimos a Wheater Report, Fuxan os Ventos, Yes, Kortatu, Bela Bartok, Jeff Beck, Os Diplomáticos de Monte Alto, George Gershwin, La Polla Records, IronMaiden, Cañita Brava (de feito nós temos a honra de ser tamén a sua banda!), Outeiro (un grupo de jazz rock galego dos 80), algo de música de Botswana, Víctor Jara, The Police, Gwendal, uns cantos kalashnikovs, tapa de zorza e de raxo, Leño, Os Rastreros de Chantada, Listz, The Pogues, Pegasus e por suposto Xil Ríos. E todo esto que digo non é de coña.

Por certo, moi importante, para abrir a pota exprés hai que poñer unha válvula e esperar que purgue o vapor a presión (coñezo casos moi curiosos que precisamente remataron en, como non, hospitais…). Pois no noso caso, non. O golpe de presión ten que facer tremer as perniñas de ques deguste semellante prato!

P.- E do jazz que me dicides, escoitase jazz na vosa música, sobre todo nas liñas de Antón, quenes son os vosos referentes nese estilo?

Jaco Pastorius, Paco Jazztorius, e tamén algo de Plastorius.

P.- Creatividade ou técnica musical?? Que pensades que é máis importante??(fora de que o ideal sexa unha mistura das dúas)

O ideal é ter salú e non levar un gholpe! E por suposto, é imprescindível carecer en todo momento de calquera escrúpulo musical!! A día de hoxe está case todo inventado, se non hai atrevemento en argallar unha nova linguaxe musical (toma pedantería!), acabas por facer os mesmos esquemas estandarizados e repetitivos unha e outra vez, unha e outra vez, unha e outra vez…

P.-Como gravades, todos xuntos, por partes e por que o facedes así?

Gravamos como mande o noso sheriff-técnico de son-produto-pastor da xauria que somos. En realidade, chegamos ao estudo con moita ansia… e para ordear todo eso está o xerador de critério Tomás Axeitos. Ben deitamos del!!

P.- Onde gravades o disco e por que? Por que Arturo Vaquero para masterizalo?

Gravamos co noso técnico e nembargantes amigo Tomás Axeitos (Compañía do Ruído, Bonovo, Galegoz, The Homens…) nos estudios “Amil” na Coruña, que é tamén o noso local de ensaio e laboratório harmónico. Masterizamos nos estudios “Abrigueiro” de Friol co grande Arturo Vaquero porque precisamente el é un máster.

Recomendamos a todo músico na Galiza que traballe con calquera destes dous, e non só terá bós resultados, senón que tamén aprenderá moito de música e de producción sonora.

Por certo, para ser un bó profisional non só hai que saber manexar máquinas, cables, micros, potenciómetros… tamén hai que saber tratar á xente e sacar o mellor de cada persoa que se pon no trance de gravar. E estes dous saben moito deso. Farto estou de técnicos arrogantes que fracasan no trato persoal coa xente.

P.- Cal é o voso soporte físico musical preferido? Que pensades da “volta do vinilo”?

O noso soporte musical preferido é o que nos soporte… non! En serio, o noso soporte musical preferido é aquel que tamén serva de comida, por exemplo, un bocata de xamón ou de filetes empanados… Non! En serio… que volta o vinilo???

P.- Considerades que se pode ser unha banda política sen letras? Sodes unha banda política?

Letras temos moitas, temos a U, a Q, a T… polo demais, só podemos dicer que a afirmación central aristotélica encol da política é que o ser humano é un animal político por natureza, esto non significa que o home seguindo a natureza se asocie e viva en comunidade xa que tamén existen moitos animais sociais, significa que organiza a “polis” politicamente, dicta quen exerce o poder e como se exerce. O ser humano se non vive na polis está incompleto, tende a formar unha sociedade politicamente organizada.

Pero nós somos cans, e na Galiza xa sabemos que hai tres tipos de cans, o “can palleiro”, o “cancodrilo” e o “canselleiro”, penso que nós somos dos primeiros, WOUF!

P.- Como vedes a actual escea(ou coma lle queirades chamar) de grupos cantando en galego? Credes que a xente nova percebe e segue a este torrente de creatividade que diria Xurxo Souto?

Moi boa, mellor ca nunca. Non imos citar a ninguén en especial, xa que fariamos unha lista de camaradas e amigos enorme, así que recomendamos que visitedes www.komunikando.net e que lle botedes un ollo!!

Efectivamente, Xurxo fixo un traballo impresionante na sua época do “Aberto por Reformas”, continuado por Vituco Neira na Radio Galega Música. Ese programam abriu as portas da música galega e abriu as orellas da xente ao torrente criativo galego. Lamentávelmente dende o 2009 ese programa a pasaron da emisora principal a unha secundária, ve-se que a alguén non lle interesa en absoluto que todo esto se coñeza…

P.- Esta para Antón, que queda daquel rapaz(que eu coñecín jaja) con pelo que estudiaba en Lugo e tocaba nos Papaqueixos? E para todos, que tendes aprendido, temas técnicos a parte, tras todos estes anos tocando(nas vosas diferentes bandas) sobre a música?

De Antón queda todo menos pelo!! Aprendimos moito: xeografia (de rular por aí!), contabilidade (de estirar os poucos cartos que temos até o infinito), electrotécnia (de pelar e soldar cables!), antropoloxia (de tratar con antropoides).. e sobre todo que a música na Galiza, non sabemos moi ben se dá para viver, pero o que si que dá é para beber!

P.- Dicidime unhas verbas, as menos posibles sobre:

-13th floor elevators: “Matar hippies nas Cies”

– The Ramones: “Matar punkis nas Cies”

-La Polla Records: Evaristo grande craque!

-John Coltrane: “A Love Supreme” (e asua prima)

-Johnny Cash (dadevos conta que tiña nome de banqueiro): Buff moito country and western 

-Alberto Nuñez Feijoo: Buff pouco country pero moito western 

-Obama: Ese é o prémio nóbel da Paz? Por certo, paz en inglés pronuncia-se “pis”

-The Beatles: Paul un pigho. Ringo mola o corte de pelo. George un fumao. John “Matar hippies nas Cies”

-Zënzar: Grandes, enormes, uns clásicos obrigados. Ademais tamén teñen diérese no nome!!

-Kozmic Muffin: Magdalena Cósmica! Moi bós músicos por certo.

P.- Utilizades estupefacientes para estimular a vosa creatividades ou xa a tendes ben “estimulada” de fábrica?

Si, claro, ti non???

P.- Veña “vacas a rúa”..digo..dicide o que queirades…

O LEITE CONTINUA!!!

MUUUUUitos bicos a todo o mundo e gastade os cartos en mercar música galega, hoygan!!

Máis info en :            http://www.myspace.com/ultraqans http://nsaio.org/ultraqans

Advertisements
comentarios
  1. […] RockIsomE. Escoitamos rock. Falamos galego: Entrevistamos Os Ulträqäns rockisome.wordpress.com/2011/03/01/entrevistamos-os-ultraqans/  por Dinamita hai 3 segundos […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s